As liñas eléctricas precisan de coidados especiais, co fin de evitar interrupcións de subministración ou perigos por fallos na liña.
É evidente que se, en calquera punto dun sistema de distribución, é preciso cortar o servizo para poder realizar os traballos de mantemento, os consumidores verán interrompida a subministración. A fin de evitar estes inconvenientes durante a realización de traballos de conservación ou de construción, foron desenvolvéndose os traballos en tensión.
Todo método de traballo en tensión debe cumprir dous obxectivos:
a) Protexer ós operarios do risco de contacto eléctrico.
b) Eliminar a posibilidade de curtocircuítos entre condutores ou elementos a distinto potencial.
Estes dous obxectivos definen a distancia mínima de aproximación para unha diferenza de potencial determinada e a zona prohibida para o operario.
O operario debe estar sempre protexido dos condutores ou partes en tensión, ben manténdose a distancia ou ben utilizando dispositivos adecuados que reduzan ou anulan o que se definiu como zona prohibida.
O seu comportamento en relación con esta zona define os tres diferentes métodos utilizados para realizar traballos en tensión:
1. Traballos en contacto
Emprégase en baixa tensión, a súa denominación completa é método en contacto con protección illante das mans, xa que o operario efectúa todo o traballo con luvas illantes.
Neste caso, os elementos máis importantes para desenvolver calquera traballo con este método son as proteccións e as ferramentas illantes que se utilicen.2. Traballos a distancia
Emprégase xeralmente en media e alta tensión (ata 132 KV) e consiste en que o operario realiza o seu traballo coa axuda de ferramentas especiais montadas no extremo de pértegas illantes.
O operario, neste caso, sitúase ao potencial de terra (potencial cero), por tanto, é necesario que a pértega illante dispoña do illamento requirido para o nivel de tensión no que se vai a traballar.3. Traballos a potencial
Neste método o operario ponse ó mesmo potencial que o condutor sobre o que vai traballar, eliminando desta forma o concepto de zona prohibida e manipulando os condutores con ferramentas convencionais. Este método é aconsellado en liñas de tensión superior a 132 KV.
Nos tres métodos mencionados no apartado anterior, a protección dos operarios contra os riscos de contacto con elementos situados a un potencial diferente do seu asegúrase por un ou varios dos seguintes medios:
- Revestimento illante (pantallas, cubertas, etc.) dos condutores espidos ou dos condutores cuxo illamento é defectuoso ou insuficiente, así como das demais masas condutoras:
- Utilización de dispositivos illantes (plataformas, cubertas, etc.):
- Afastamento dos condutores a distancias prescritas, por medio de dispositivos illantes:
- Equipo e roupa de traballo apropiados (pértegas, tesoiras, abrazadeiras, etc.):
No hay comentarios:
Publicar un comentario